Friday 29 de March de 2024

Goberno local e Marea Atlántica concretan os acordos acadados en xullo na primeira Comisión de Seguimento


 

José Manuel Lage: “Cada quen ten o seu espazo político, pero estamos chamados a entendernos e este acordo que presentamos é o froito dese diálogo e a nosa vontade é a de seguir construíndo no ano 2020 unha senda de entendemento”

Os voceiros dos grupos municipais do PSdG- PSOE, José Manuel Lage, e da Marea Atlántica, María García, compareceron esta mañá para dar conta da primeira xuntanza da Comisión de Seguimento do acordo subscrito o 3 de xullo polo que ambos os dous partidos se comprometeron a impulsar proxectos de progreso para a cidade. Lage Tuñas salientou a cordialidade coa que se desenvolveu a xuntanza, “Fixemos o imposible non só para que haxa un goberno progresista o 15 de xullo e para chegar a un acordo coa Marea Atlántica no mes de xullo, senón que camiñamos cara adiante, facemos avaliación dos pasos dados e calendarizamos eses acordos. Esta xuntanza dá pé a que a partir da semana que vén comecemos a negociación do Orzamento”.

Lage insistiu en que este novo acordo “marca un camiño, o de que é posible o entendemento entre as forzas políticas de esquerdas. O que se está a facer na Coruña debe de servir de exemplo do que se pode facer noutros lugares. Aquí hai unha vontade manifesta de poñer por riba de todo os intereses da maioría da cidadanía.” E engadiu “Cando hai un goberno en minoría, o que corresponde é dialogar e buscar entendemento. Hoxe temos a primeira xuntanza coa Marea Atlántica e nas vindeiras semanas teremos outra de seguimento co Bloque Nacionalista Galego. Estamos abertos a que calquera outro grupo poida sumarse ás políticas que estamos abordando. Iso é o que estamos facendo hoxe, intentando serlle útiles á cidadanía”.

O voceiro do Goberno local salientou que no próximo Pleno daranse os primeiros pasos na posta en marcha da Área Metropolitana para, posteriormente, trasladarlle o acordo á Xunta de Galicia e ao resto dos concellos implicados ao abeiro do artigo
122 da Lei da administración local de Galicia. Nesta xuntanza tamén se estableceron as liñas básicas do proxecto de constitución dun operador enerxético

100%, a modificación puntual do PXOM para garantir a natureza pública dos terreos da Solana e a constitución da Comisión Especial para o Bordo Litoral.

Por outra banda, acordouse a aprobación da Ordenanza de igualdade de xénero e o establecemento da gratuidade das escolas infantís municipais no curso escolar
2020-21. “Creo que é unha boa nova que o servizo educativo camiñe cara á gratuidade, xa que iso é conciliación e permite unha mellora para as familias”.